Sístole, un leggin tecnolóxico para embarazadas que permite escoitar os latexos do bebé, gaña o Programa Explorer by Santander no Campus de Ferrol

Actualidade

Sístole, un dispositivo tecnolóxico incorporado á roupa que lles permite ás mulleres embarazadas escoitar os latexos do seu bebé gaña a XI edición do Programa Explorer by Santander X no UDC Space de Ferrol. Lucía Blanco, Alba Boedo, Ana María García, Julia Cacheda e Andrea Castro, alumnas do terceiro curso do Grao en Xestión Industrial da Moda que se imparte no Campus de Ferrol, son as creadoras de Sístole, un leggin tecnolóxico, exemplo de aplicación de Internet das Cousas (IoT nas súas siglas en inglés), que permite escoitar os latexos do bebé e as contraccións uterinas da nai. En breve, as integrantes do proxecto poderán elixir entre a opción de recibir formación especializada en liña nos próximos meses ou viaxar a O Porto en 2022 e participar nun HUB de innovación europeo.

O segundo premio foi para o proxecto DESINO, especializado na creación de lencería para mulleres que están a pasar ou pasaron xa por un cancro de mama. Detrás da firma están tres alumnas do Grao en Xestión Industrial da Moda, Sara Olmo, Inés Varela e Laura Merelas. O terceiro premio recaeu tamén noutra alumna da titulación que se imparte na Facultade de Humanidades e Documentación, Fátima Outes, quen presentou OnDemand, un proxecto baseado na moda sustentable feita en España e baixo demanda.

Os participantes do Programa Explorer by Santander X elixiron o mellor vídeo promocional. Neste caso, o premio no Campus de Ferrol recaeu en SlowApp, unha aplicación deseñada por Juan Montenegro, Diana de Marco, Elena Blanco, Laura Sánchez e Paula Brea, alumnos tamén do grao en Xestión Industrial da Moda.

O Salón de Actos Concepción Arenal do Campus de Ferrol acolleu, o pasado martes 11 de maio, a xornada de presentación dos 10 proxectos finalistas e o acto de entrega de premios que presidiu a vicerreitora do Campus de Ferrol e Responsabilidade Social, María Jesús Movilla. O tribunal estivo integrado polo representante do Banco Santander, Santiago Javier García-Ciaño, o profesor da Facultade de Economía e Empresa da Universidade da Coruña, Antonio García Lorenzo, o representante da Asociación de Séniors Españoles para a Cooperación Técnica (SECOT), Javier Palacio Álvarez, e o presidente da Asociación de Empresarios de Ferrolterra (AEF), Ángel Torreiro Freire.