Prácticas externas curriculares
no estranxeiro

Convocatoria de bolsas de mobilidade internacional de estudantes para prácticas en empresas: Programa Erasmus+ Prácticas (SMT)

Co fin de contribuír a que as persoas se adapten ás esixencias do mercado laboral europeo, adquiran aptitudes específicas e melloren a súa compresión da contorna económico e social de Europa, ao tempo que adquiren experiencia laboral, a Universidade da Coruña publica a convocatoria finalista de bolsas de mobilidade internacional de estudantes para prácticas en empresas para o curso 2021/22.


Esta convocatoria está destinada ao estudantado matriculado en cursos oficiais en centros propios ou adscritos á Universidade da Coruña para realizar estadías en empresas ou organizacións estranxeiras no marco do programa Erasmus + SMT.


A mobilidade para realizar prácticas internacionais en empresas e/ou organizacións admite dúas modalidades:

Estudantes en prácticas (alumnado que realiza as súas prácticas mentres está matriculado nalgunha titulación da UDC)

Recén titulados en prácticas (alumnado que realiza as súas prácticas nun período inmediatamente posterior ao depósito do título)

Que requisitos debes cumprir para participar nesta convocatoria?

• Estar matriculado/a na UDC.
• Non ter realizado con anterioridade outra mobilidade con fin de prácticas na mesma titulación.
• Non ter realizado con anterioridade e dentro do mesmo ciclo de estudos outras mobilidades no marco do programa Erasmus que, sumadas á que solicitas, superen os 12 meses de duración.
• Debes cumprir cos requisitos de idiomas estranxeiros.
• Debes contar cun acordo de formación tal e como se recolle na convocatoria

 

En que empresas ou institucións podes realizar as túas prácticas no estranxeiro?

Son elixibles as empresas ou organizacións dos 27 estados membros da Unión Europea (agás España), do Reino Unido (condicionado ao Brexit), dos tres países integrantes do Espazo Económico Europeo (Islandia, Liechtenstein e Noruega) e mais de Turquía, Macedonia e Serbia.

• Empresas públicas e privadas de calquera tamaño
• Institucións públicas locais, rexionais e estatais
• Corporacións e asociacións relacionadas co exercicio profesional ou co mundo empresarial e do traballo
• Institutos ou centros de investigación
• Fundacións
• Asociacións sen ánimo de lucro e ONGs
• Universidades e institucións de ensino superior dotadas de Carta Erasmus
• Centros de ensino non superior de calquera nivel

Lembra que lle corresponde exclusivamente ao estudante a tarefa de buscar e seleccionar a empresa ou organización na que desexa desenvolver o seu período de prácticas.

En que período debes realizar as túas prácticas no estranxeiro? Cale é a duración mínima e máxima desas prácticas?


As estadías de prácticas no estranxeiro realizaranse entre o 1 de setembro de 2021 e o 30 de setembro de 2022 e terá unha duración de entre 2 e 12 meses.


Lembra que as estadías na modalidade de “Estudantes en prácticas” deben discorrer na súa totalidade antes de que ti solicites o depósito do título.

Como solicitas a mobilidade?


Diríxete á Oficina de Relacións Internacionais (ORI) no Campus de Ferrol para que che indiquen como cubrir a túa solicitude, que documentación debes achegar así como o lugar e prazo no que a debes presentar.

Debes ter un contrato de aprendizaxe/prácticas asinado?


Si, para realizar calquera mobilidade será preciso concertar un contrato de prácticas tal e como se recolle na convocatoria.

Podes optar a unha bolsa Erasmus+?


Si, pero lembra que só se concede a axuda económica Erasmus+ para as mobilidades físicas (presencial ou semipresencial). 


Diríxete á Oficina de Relacións Internacionais (ORI) no Campus de Ferrol para que che indiquen cales son os criterios e o procedemento para a adxudicación da bolsas así como a contía e os pagamentos.