O alumnado do Grao en Xestión Industrial da Moda visita a exposición monográfica “Vestir Épocas” que acolle o Museo de Belas Artes da Coruña

Actualidade

Ferrol, 18 de novembro de 2020.- O alumnado de 1º e de 2º curso do Grao en Xestión Industrial da Moda visitou, os días 17 e 18 de novembro, a exposición monográfica sobre a historia da moda “Vestir Épocas” que acolle o Museo de Belas Artes da Coruña. A visita organizouse de xeito coordinado desde as materias de Historia de Arte e da Moda e Fundamentos de Deseño Artístico que imparten os profesores Mavi Lezcano e Enrique Blanco respectivamente. As restricións de aforo derivadas da crise sanitaria da COVID-19 fixeron que os estudantes se achegasen ata o museo coruñés divididos en dous grupos e en días diferentes.

A exposición “Vestir Épocas” componse de máis de 300 obras da prestixiosa colección de Ana González Moro que abarcan 100 anos de creación téxtil, concretamente desde 1860 ata 1960. As pezas expostas reflicten a sociedade galega da época e permiten establecer unha relación entre a idealización da arte e o realismo da roupa. Realizada baixo a dirección do Museo de Belas Artes, a mostra esta comisariada polo arquitecto e profesor da Universidade da Coruña, Fernando Agrasar, e mais polo especialista en moda, Román Padín.