A empresa de produtos químicos Stahl imparte un ciclo de conferencias en liña no que participa o alumnado do grao en Xestión Industrial da Moda

Actualidade

Ferrol, 4 de novembro de 2020.- No marco da materia “Tecnoloxía: tecidos e materiais” do terceiro curso do grao en Xestión Industrial da Moda, os profesores Ramón Artiaga e Jorge López Beceiro programaron o ciclo de conferencias en liña “Coiro, peles sintéticas e tecidos na industria da moda” que impartirán, os días 10, 17 e 24 de novembro, de 11:30 a 13:00 horas, varios expertos da empresa holandesa de produtos químicos Stahl.

O proceso industrial do coiro foi o protagonista da primeira conferencia, que tivo lugar onte, martes 3 de novembro, impartida pola directora da área de formación de Stahl, Janssen van Drunen Annelies. As etapas de acabado na elaboración de peles e/ou coiro así como as súas aplicacións na moda centrarán a conferencia do martes 10 onde intervirá tamén a responsable do departamento de deseño da empresa holandesa, Cecconi Caterina. Nas dúas últimas conferencias, programadas para os días 17 e 24 de novembro, participarán o responsable do departamento de tecidos, Theo Breugelmans, e o director global de mercado de materiais sintéticos, Eric Timmermans. As catro conferencias impartiranse integramente en inglés e poderán seguirse a través da plataforma Teams.