Alumnado de Xestión Industrial da Moda presentará o deseño dun chuvasqueiro de tea impermeable nunha maratón de reciclaxe téxtil creativa en Madrid

Actualidade

Ferrol, 10 de novembro de 2020.- O deseño e a creación dun chuvasqueiro, fabricado coa tea impermeable dunha antiga tenda de campaña, levará a catro alumnos do Grao en Xestión Industrial da Moda a participar na 5ª edición da Maratón de Reciclaxe Téxtil Creativa La Casa Encendida en defensa da moda sustentable os días 13, 14 e 15 de novembro en Madrid. A proposta de Manuel Sánchez Rodríguez, Magdalena Rodríguez Tomé, Daniel Mirás Quintas e Ana García Novo foi seleccionada para participar na actividade “Convocatoria de Creadoras”, unha iniciativa na que deseñadores ou estudantes confeccionarán as súas prendas recicladas a través de varios directos de Instagram ao longo de toda a fin de semana.

Tal e como explican os propios estudantes, a posibilidade de participar nesta actividade e, por extensión, na maratón promovida por La Casa Encendida e mais pola cooperativa Altrapo Lab, veu da man da profesora Patricia Muñiz Núñez quen imparte a materia de “Deseño de Moda” no segundo curso do grao en Xestión Industrial da Moda. Deste xeito, Manuel, Magdalena e Daniel comezaron a traballar na clase no deseño dunha prenda con materiais reutilizados ou reciclados. Aos poucos, sumouse ao proxecto Ana, alumna do terceiro curso, quen se encargará de coser a prenda coa que foron seleccionados.

A indumentaria dos pescadores galegos foi a fonte de inspiración dun chuvasqueiro que se fabricará coa tea impermeable dunha antiga tenda de campaña e retais de fibra de carbono. A prenda contará cun compartimento traseiro no que poder gardar residuos para posteriormente reutilizalos ou reciclalos. Nesta mesma zona poderase ler a palabra “Actúa”, toda unha declaración de intencións segundo manifestan os propios estudantes. Co deseño deste chuvasqueiro, o alumnado do grao en Xestión Industrial da Moda quere apoiar iniciativas como a recollida de lixo cando se está a correr ou a  limpeza de áreas ou zonas moi sucias, publicando en redes sociais o antes e despois, favorecendo a consecución dos Obxectivos do Desenvolvemento Sustentable (ODS) da Axenda 2030 da Organización das Nacións Unidas.

Bautizado como Proxecto Homesickness (morriña), a proposta do alumnado da Facultade de Humanidades e Documentación do Campus de Ferrol busca xerar un impacto positivo a través do deseño e evitar que a moda siga a ser unha das industrias máis contaminantes do planeta. De feito, a súa proposta busca compensar as emisións xeradas durante a primeira fabricación dunha prenda ou obxecto a través da recolección de todo tipo de residuos plásticos para darlles un novo uso.

 

En defensa da moda sustentable

O programa da 5ª edición da Maratón de Reciclaxe Téxtil Creativa La Casa Encendida de Fundación Montemadrid inclúe a entrevista á fundadora do movemento Fashion Revolution, Orsola de Castro, unha mesa redonda sobre o consumo de moda coa xornalista especializada en moda e consumo Brenda Chávez, a responsable de comunicación de Fashion Revolution Spain, Jessica Checa, e a socia e fundadora de Recumadrid, Cristina Salvador. Ademais da actividade “Convocatoria de creadoras” na que participará o alumnado do grao en Xestión Industrial da Moda impartiranse varios obradoiros prácticos baseados na recuperación de roupa e accesorios. Todas as actividades da maratón poderán seguirse en directo a través do Instagram e a Canle de YouTube de La Casa Encendida.