O alumnado do Grao en Xestión Industrial da Moda participa na Barcelona Fashion Summit

O alumando do grao en Xestión Industrial da Moda que se imparte na Facultade de Humanidades e Documentación do Campus de Ferrol asiste á Barcelona Fashion Summit. O Teatro Nacional de Cataluña acollerá mañá, martes 5 de febreiro, una nova edición desta xornada de referencia do negocio da moda en España. Os estudantes viaxan acompañados da coordinadora da titulación, Marta Rey García e mais da profesora Obdulia Taboadela.

Baixo o título ‘Año 0: claves para reivindicar el negocio de la moda’ este foro reunirá aos principais executivos e executivas do sector nun programa de conferencias e mesas redondas nas que participarán relatores de primeiro nivel como poden ser o director académico de Sostibilidade de Inditex, Alfred Vernis, o director de Operacións en Desigual, Daniel Muñoz, a responsable da área dixital de Mango, Elena Carasso, a responsable de estratexia de DDB, Cristiana Zito, a deseñadora Ágatha Ruíz de la Prada, a directora de negocio dixital de TOUS, Carolina de la Calzada, o cofundador e conselleiro delegado de 21 Buttons, Marc Soler, o ex presidente de El Corte Inglés, Dimas Gimeno, o director xeral de operacións de Pepe Jeans, Andrés López, ou a conselleira independente de Adolfo Domínguez, Maite Aranzábal, entre outros.